Tuesday 21 de May de 2024

Manolo García actuará en formato eléctrico o 9 de novembro de 2024 no Coliseum


O Concello avanza na programación do recinto municipal para o vindeiro ano con grandes nomes da música nacional

O Coliseum da Coruña acollerá o 9 de novembro de 2024 un concerto de Manolo García, que fará escala na cidade dentro da súa xira por grandes recintos do país que desenvolverá ao longo do vindeiro ano. O Goberno de Inés Rey, con esta nova confirmación, continúa a apostar por espectáculos masivos de gran calidade para o mellor recinto de música en vivo de Galicia.

Tras o éxito da súa xira por teatros, Manolo Garcia presenta a súa nova proposta de directo cunha posta en escena renovada. Trátase dunha das voces máis icónicas do panorama musical nacional, que interpretará en directo as cancións do seu último traballo de estudo, composto por un dobre álbum cos títulos ‘Mi Vida en Marte’ e ‘Desatinos Desplumados’.

Ademais, nesta xira que fará parada na Coruña os seus seguidores e seguidoras poderán gozar das súas cancións máis recoñecidas, algunhas delas que forman parte da historia da música en español, como ‘Pájaros de Barro’, ‘A San Fernando un ratito a pie y otro caminando’ ou ‘Nunca el tiempo es perdido’. Manolo García celebrará na Coruña dúas décadas de carreira en solitario tras marcar época co grupo El último de la fila.

As entradas para o seu concerto estarán dispoñibles o próximo xoves 30 de novembro a través da páxina web www.manolo-garcia.com, Ticketmaster, Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.